Banda de Valga

Banda de Música de Valga

A Banda de Música Municipal de Valga parte dunha base: forte, dinámica e en continua expansión como é a Escola de Música Municipal de Valga. Dita Escola, inaugurada no 1996 e único centro deste tipo na zona, contou xa dende o principio con máis de 50 alumnos que grazas ó traballo de 2 profesores se formaron nos primeiros rudimentos da práctica musical. Esta experiencia moi pronto daría os seus primeiros froitos e xa en 1999 o número de alumnos que a acudían ás súas clases, medrara a 130 ó igual que o dos mestres, 15 para as máis variadas especialidades musicais. De forma paralela a este crecemento, fóronse implementando outras actividades: agrupación coral, grupo de vento-madeira, grupo de vento-metal, grupo de percusión, grupo Orff, Big Band e Big Band infantil, e como non, a Banda de Música, a cal, co paso do tempo promovería a creación da Banda Xuvenil e da Banda Infantil de Valga onde se forman os futuros músicos desta agrupación. Na actualidade, a Escola continúa a súa expansión, en especial, entre os máis pequenos, desenvolvendo clases para alumnos a partires de 2 anos.

 

O concerto de presentación deste colectivo musical, tivo lugar no I Festival Letras Galegas do ano 1999 celebrado en Valga con gran éxito de crítica para posteriormente participar en numerosos festivais e concertos por toda a xeografía galega ou fora da mesma: Luarca, León, Zamora, Palencia, Segovia, Tarragona, Madridejos (Toledo), Getxo, Troviscal, Estarreja, Viana do Castelo, Vilanova de Cerveira (estes catro últimos lugares no veciño Portugal) e Madrid (neste caso celebrado no Quiosco da Música do Parque del Retiro dentro da programación da Banda Sinfónica de Madrid).

 

Entre as súas actividades anuais, destacaremos o Campamento Musical celebrado tódolos veráns, dende o ano 1999, nos máis diversos lugares: Allariz, Portomarín, Luarca, León, Zamora, Palencia, Segovia, Tortosa, Badajoz, Alcalá de Henares, Bilbao, Viana do Castelo (Portugal), Vilanova de Cerveira (Portugal) e Madrid.

 

Actividades anuais tamén destacables son: a organización do ciclo Música coas Nosas Bandas (xa na súa IV edición) que mes tras mes programa un concerto dalgunha das mellores bandas de música galegas no Auditorio Municipal de Valga, ou a colaboración co Concello de Valga no ciclo de música de cámara Música nas Igrexas (tamén na súa IV edición) programando pequenos concertos  nas igrexas e capelas do concello tódolos meses.

 

Ademais da participación en intercambios musicais e en festas populares, tamén debemos destacar a súa produción discográfica, a través das gravacións Melodías Populares (2005) presentada durante unha xira por Buenos Aires e Melodías do Mundo (2011).

 

Dende o ano 2009 desenvolve un programa de concertos baixo a batuta de directores convidados: Xosé Carlos Seráns Olveira (2009), Javier Morgade Dobaño (2010), David Fiuza Souto (2011), Fernando Rodrigo Serral (2012), Carlos Cabaleiro López (2013) e Adriana Tanus e Carles Lorente (ámbolos dous no 2014).

Banda de Música de Valga

 

 

No apartado de concurso, débense mencionar os premios conseguidos en diversos certames en Galicia.

 

-Certame Provincial de Bandas de Música, Deputación de Pontevedra:

•2005 3º premio (3ª sección).

•2006 2º premio (3ª sección).

•2007 1º premio e mención de honra (2ª sección)

•2009 3º premio (1ª sección)

•2010 2º premio (1ª sección)

•2011 2º premio (1ª sección)

•2012 2º premio (1ª sección)

•2014 3º premio (1ª sección)

 

 -Certame Galego de Bandas de Música, Xunta de Galicia:

•2007 1º premio (2ª sección)

•2008 3º premio (1ª sección)

•2009 1º premio (1ª sección)

•2010 3º premio e premio á mellor interpretación de obra de temática galega (1ª sección)

•2011 3º premio (1ª sección)

•2012 2º premio (1ª sección)

•2013 3º premio (1ª sección)

 

-Certame Zonal de Bandas de Música, Deputación de Pontevedra:

•2008 2º premio (1ª sección)

•2009 1º premio (1ª sección)

•2010 1º premio (1ª sección)

 

Fóra de Galicia, mencionaremos, o 3º premio no I Certamen Nacional Villa de Magallón (Aragón) no ano 2006 e a participación no IX Certamen Internacional de Bandas de Aranda del Duero no ano 2007 ou no VII Certamen Villa de Dosbarrios (Toledo) no ano 2014.

 

No ano 2014 recibe en Porto (Portugal) o Diploma de Honra e a Medalla Corporativa ao Mérito Cultural da Fundación Luso-Galaica.

Banda de Música de Valga

 

 

 

Como elemento dinamizador e organizador de todas estas actividades, dende moi pronto creouse a Asociación Cultural Musival que grazas ás aportacións do seus asociados numerarios e colaboradores (máis de 300), promove a música e outras actividades afíns dentro do Concello de Valga e o seu entorno máis próximo.

 

Na actualidade a Banda de Música Municipal de Valga confórmana máis de 80 músicos e o seu director, dende a súa creación, é Manuel Villar Touceda.