Banda de Valga

Escola de Música de Valga

 

A Escola de Música Municipal de Valga comezou a súa andaina en setembro de 1995 con 50 alumnos e 2 profesores e cunha matrícula que se reducía a Linguaxe Musical e Música e Movemento.

 

Co paso dos anos debido ó aumento do alumnado habilitaríanse novas materias pero tamén se daría un dos pasos máis importantes, como foi a localización desta Escola de Música nas instalacións da planta baixa do Auditorio Municipal de Valga.

 

Na actualidade conta con máis de 15 mestres que atenden a formación de preto de 200 alumnos que estudan seguindo unha das matrículas máis completas que existen neste tipo de centros.

 

Os nenos e nenas de entre 3 e 7 anos, colectivo que suma xa máis do 25% do alumnado e medrando nestes últimos anos, asisten a clases de Música e Movemento onde se divirten e aprenden música bailando, cantando e tocando pequenos instrumentos.

 

Nenos da escola de música

 

Dende os 8 anos os alumnos traballan o ritmo musical, a entoación e a teoría dentro da materia de Linguaxe Musical á vez que comezan o estudo dun instrumento, a escoller dentro da gran oferta actual: óboe, frauta, fagote, saxofón, clarinete, trompeta, trompa, trombón, tuba, bombardino, violoncello, contrabaixo, percusión, piano, acordeón, guitarra, gaita galega e pandeireta; ou tamén iniciarse no estudo do canto.

 

Esta formación compleméntase logo coa oferta de numerosas materias: Historia da Música, Harmonía, Improvisación, Combo, Piano complementario... que garanten a mellor formación posible para todos aquelas persoas que desexan instruírse musicalmente.

 

Alumno de saxofón interpretando un concerto

 

Tódolos alumnos da Escola de Música van participando nas diferentes agrupacións: grupos de vento metal, grupos de vento madeira, grupo de percusión... pero en especial da Banda de Música Infantil de Valga e da Banda de Música Xuvenil de Valga, as cales, son os pasos previos antes de entrar a formar parte da Banda de Música Municipal de Valga. Ademais para todos aqueles que teñan inquedanzas noutros eidos musicais coma o jazz, esta Escola conta tamén con unha Big Band.

 

Para todos aqueles adultos que desexan completar os seus estudos musicais ou simplemente aprender de cero un instrumento, contamos con grupos de adultos especialmente creados para que poidan aprender, desfrutar e conciliar as súas vidas persoas e laborais con estas tarefas.

 

Alumna de clarinete interpretando un concerto

 

 

Para facilitar a formación intelectual dos seus alumnos así como achegarse ó resto da poboación, esta Escola organiza as seguintes actividades:

-Concertos durante todo o curso.

-Concertos didácticos.

-Saídas culturais e didácticas.

-Campamentos de verán, fantástica experiencia formativa con 12 edicións xa celebradas onde os alumnos de instrumento viven a música intensamente durante algo máis dunha semana á vez que estreitan lazos de amizade e coñecen outros lugares.

-Preparación para as probas de ingreso no Conservatorio de Grao Profesional, a cal ten na actualidade un 100% de aprobados.

 

A Escola de Música Municipal de Valga funciona dende os seus comezos baixo a dirección de Manuel Villar Touceda.

 

Non deixes de informarte sobre as nosas actividades formativas e de lecer, seguro que atopas algo que che interese.

 

 ACOMPÁÑANOS NO VINDEIRO CURSO