Banda de Valga

Concerto Música coas nosas bandas, Banda de Música Municipal de Valga.

Cartel da actuación do día 30 da Banda de Música Municipal de Valga

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo da Banda Peque, a Banda Infantil e a Banda de Música Municipal de Valga o vindeiro sábado 30 de marzo ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Valga (Ferreirós-Cordeiro).

 

Con este concerto, continúa a tempada do Ciclo Música coas Nosas Bandas, o cal, xa dende o ano pasado, concentra mes tras mes a algunhas das mellores agrupacións bandísticas para deleitar ó público valgués.

 

Neste concerto tanto a Banda Peque (nenos e nenas no seu primeiro ano de instrumento) como a Banda Infantil (nenos e nenas cunha pequena experiencia instrumental) a cargo do seu director Alberto Arribas, porán no escenario unha selección de todo o traballo que levan feito durante o curso.

 

Pechará o acto, a actuación da Banda de Valga a cal, baixo a batuta do seu director titular, Manuel Villar Touceda realizará un concerto en dúas partes, a primeira de corte máis clásico con pezas de Rossini e Beethoven sen esquecernos dos temas galegos compostos por J. Carracedo, para centrarse logo na segunda, na cal a través da obra 200 (3ª suite para banda) do mestre colombiano Victoriano Valencia Rincón nos rememorarán os tempos da independencia de Colombia a través dos máis variados temas e ritmos colombianos e de herdanza colonial para, en palabras do autor, amosarnos eses 200 anos de búsqueda colectiva.

 

Con este concerto, a Asociación Cultural Musival tamén quere agradecerlles a tódolos seus asociados a súa aportación e colaboración, en especial, a tódolos Socios Colaboradores (comercios e empresas) que nesta segunda campaña de socios a pesares dos tempos que corren seguen a manter a súa participación e aumentan en número, xa son máis de 160.

 

O programa será o seguinte:

 

-L'Italiana in Algeri (obertura) de G. Rossini.

 

-Allegretto da 7ª sinfonía de Beethoven.

 

-Almuiña (muiñeira) de J. Carracedo.

 

-200 (3ª suite para banda) de Victoriano Valencia Rincón.

    Mvt. I Interdependencia.

    Mvt. II Territorios Norte.

    Mvt. III Territorios Sur.

    Mvt. IV Utopías.

 

A actuación será de entrada libre e gratuita.

 

O ciclo Música coas nosas Bandas, continuará o vindeiro sábado 27 de abril, cun concerto a cargo da Banda Bingre Canelense (Estarreja, Portugal) e a agrupación anfitriona, é dicir, a Banda de Música Municipal de Valga.