Banda de Valga

Concerto Música coas nosas bandas, Banda de Música da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo e Ensemble da Banda de Música Municipal de Valga (solista: Ismael Azidane)

 

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo da Banda de Música da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo e o Ensemble da Banda de Música Municipal de Valga o vindeiro sábado 30 de xaneiro ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Valga (Ferreirós-Cordeiro).

 

Coa celebración deste concerto continúa no ano 2016 o Ciclo Música coas Nosas Bandas que con notable éxito, a tenor dos asistentes e participantes, subiu ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas.

 

A primeira parte do concerto consistirá na actuación da Banda de Música da Sociedade Recreativa de San Xoán de Calo (Teo), a cal baixo a batuta do seu director Ramón López Couso nos ofrecerá unha selección do seu repertorio.

 

-Consuelo Císcar (pd) de Ferrer Ferrán.

-Marcha Eslava de Piotr Ilich Tschaikowsky

-Rapsody in blue de George Gershwin

-Namoriqueira (muiñeira) de José Carracedo

 

Durante a segunda parte do evento teremos a ocasión de desfrutar da actuación do Esemble da Banda de Música Municipal de Valga, o cal baixo a dirección de Manuel Villar Touceda, acompañará ao solista de marimba, Ismael Azidane, na interpretación do  Concerto nº 2 para marimba do compositor David Gillingham.

 

Ismael Azidane Chenlo, percusionista da Banda de Valga foi o gañador do IV Concurso de solistas do Conservatorio de Santiago de Compostela e como premio participará como solista no concerto que a Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela ofrecerá o domingo 21 de febreiro. Todos aqueles que se acheguen ao Auditorio Municipal de Valga este sábado, poderán desfrutar do repertorio que interpretará coa agrupación compostelá pero nesta ocasión xunto cos seus compañeiros valgueses.

 

Este concerto será de entrada libre e gratuita. Agradecemos a súa asistencia e toda a difusión que lle poidan dar.

 

O ciclo Música coas nosas Bandas continuará en febreiro cun concerto de Bandas de Música Xuvenís.