Banda de Valga

Concerto Música coas nosas bandas. Banda de Música Municipal de Valga, director convidado Diego Fortes Conde

 

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo da Banda de Música Municipal de Valga o vindeiro sábado 19 de marzo ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Valga (Ferreirós-Cordeiro).

 

Coa celebración deste concerto continúa neste mes de marzo o Ciclo Música coas Nosas Bandas que con notable éxito, a tenor dos asistentes e participantes, subiu ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas.

 

Nesta ocasión, e por oitavo ano consecutivo, a Banda de Valga organiza un concerto baixo a batuta dun director convidado. Nesta ocasión, o escollido foi Diego Fortes Conde (Allariz,1985) mestre de óboe e director asistente da agrupación valguesa nos últimos anos, recentemente seleccionado como director titular da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.

 

Como en todas as anteriores ocasións, o programa completo deste concerto escolleuno o director convidado, a Banda de Valga nunca interpretou con anterioridade ningunha das pezas e todas se prepararon nos ensaios deste mes.

 

O programa será o seguinte:

-Symphonic episode I de Satoshi Yagisawa.

-Puszta (catro danzas xitanas) de Jan Van der Roost.

-Turandot (selección) de Giacomo Puccini, arr. Yo Goto.

-Expedition de Óscar Navarro.

 

Este concerto será de entrada libre e gratuita. Agradecemos a súa asistencia así como toda a difusión que lle poidan dar a este evento.

 

O ciclo Música coas nosas Bandas continuará nos vindeiros meses.