Banda de Valga

Carmina Burana de Carl Orff, traducida e adaptada ao galego

O vindeiro domingo 3 de xullo ás 21:00 h, no Auditorio Municipal de Valga, a Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga e a Deputación de Pontevedra, estrearán o gran espectáculo musical titulado Carmina Burana.

A cantata escénica Carmina Burana, composta por Carl Orff entre 1935 e 1936, bebe dos homónimos e medievais cantos goliardos dos cales, o compositor escolleu 25 cancións ao azar ordenándoas para que se puidesen representar nun escenario. A música adaptouse á sinxeleza dos textos.

A poesía dos goliardos, que non soamente cantaba ao amor e ao viño, senón que tamén se burlaba da clerecía, encaixaba perfectamente no que Orff buscaba: crear unha obra musical que apelara á “musicalidade fundamental” que todo ser humano posuía.

A versión que escoitaremos é unha adaptación íntegra dos textos medievais ao galego, con música do século XX feita por músicos galegos e pensada para o público do século XXI con máis de 150 artistas no escenario. A composición conta cunha introdución, tres partes e un final.

Debido ao gran tamaño do espectáculo, contaremos enriba do escenario, baixo a batuta de Manuel Villar Touceda, coas seguintes agrupacións en conxunto:

-Coro de nenos e nenas da Escola de Música Municipal de Valga.
-Coro Gli Appassionati (Vigo)
-Esperanza Mara (soprano)
-Enrique Alberto Martínez (tenor).
-Eliseu Mera (barítono).
-Banda de Música Municipal de Valga.

As entradas para o concerto (5 €) poden mercarse do seguinte xeito:

-INTERNET: usando a plataforma de venta Entradas Abanca, aquí.

-PRESENCIAL: acudindo á taquilla do Auditorio Municipal de Valga.

Agardamos contar coa súa presenza e que o espectáculo sexa do seu agrado.