Concerto extraordinario Música coas nosas bandas, Bandas valencianas e Banda de Valga
A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo da Xoven Banda de Valga, a AM Santa Cecilia de Domeño, UM de Losa del Obispo e o CIM de Xirivella (estas tres de forma conxunta), xunto coa Banda de Música Municipal de Valga o vindeiro domingo 21 de agosto ás 20:00 h no Auditorio Municipal de Valga (Ferreirós-Cordeiro).
Coa celebración deste concerto prolóngase de forma extrarodinaria o Ciclo Música coas Nosas Bandas que con notable éxito, a tenor dos asistentes e participantes, subiu ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas.
Nesta ocasión contamos coa presenza dun notable número de músicos valencianos, uns 80, que visitarán Valga, as Rías Baixas e outros lugares de Galicia entre os días 19 a 24 de agosto.
O concerto comezará coa actuación da Xoven Banda de Valga, a cal, baixo a dirección de Pedro Torres Diz nos ofrecerá unha pequena selección dos temas traballados ao longo do curso.
Máis tarde, subirán ao escenario os músicos das tres agrupacións valencianas convidadas: Agrupación Musical Santa Cecilia de Domeño, Unión Musical Losa del Obispo e Centro Instructivo Musical de Xirivella, as cales, e de forma conxunta, nos ofrecerán un variado repertorio con sabor a mar, a fallas e a horta valenciana. Estas agrupacións estarán baixo a batuta dos seus directores titulares, José Cava e Fernando Rodrigo (director das dúas últimas bandas mencionadas).
A continuación, actuará a Banda de Música Municipal de Valga dirixida por Manuel Villar Touceda e pecharase o concerto coa interpretación conxunta dun par de temas a cargo das bandas valencianas e da agrupación valguesa.
O programa será o seguinte:
Xoven Banda de Música de Valga, director Pedro Torres Diz:
-Angrois (pd) de Xosé Carlos Seráns.
-Primeira Suite de Gustav Holst
-Muiñeira dos Pendellos de Juan Lois Diéguez.
AM Santa Cecilia de Domeño, UM de Losa del Obispo e CIM de Xirivella:
1ª parte, director José Cava Pamblanco
-El fallero de José Serrano
-El Nostre de José María Ferrero
-Valencia de Santiago Lope.
-L'Entrà de la Murta de Salvador Giner
-Rapsodia Valenciana de Manuel Penella
2ª parte, director Fernando Rodrigo Serral
-Tercio de Quites de Rafael Taléns
-C.I.M. De Jorge Lis
-Chimo de José María Ferrero
-Clarinera Mayor de Juan Vicente Mas Quiles
-Valencia de José Padilla
Banda de Música Municipal de Valga, director Manuel Villar Touceda:
-Aires de Pontevedra (pd) de Adonis Ferreiro
-Alborada Galega de Pascual Veiga
-Fantasía Rianxeira de Xosé Carlos Seráns
-Para Vigo me voy de Ernesto Lecuona
Este concerto será de entrada libre e gratuita. Agradecemos a súa asistencia e toda a difusión que lle poidan dar a este evento.
O ciclo Música coas nosas Bandas continuará cunha nova edición xa nas súas datas habituais nos meses de outono.
Pd. a Banda de Música Municipal de Valga tamén participará o próximo sábado 20 de agosto no XIX Festival de Bandas de Música de Cambre.
- Inicie sesión para comentar