Banda de Valga

Concerto inicio ciclo Música coas nosas bandas, Banda de Música Municipal de Valga, En Clave de Castelao

 

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo da citada banda o vindeiro sábado 1 de outubro ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Valga.

 

Coa celebración deste acto, iníciase a quinta tempada do Ciclo Música coas Nosas Bandas que grazas ao notable éxito acadado, a tenor dos asistentes e participantes, seguirá a subir ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas un mes tras outro.

 

No tocante ao elemento asociativo, este evento tamén servirá para homenaxear aos máis de 300 socios (entre numerarios e colaboradores) que ten a Asociación Cultural Musival, os cales, ano tras ano apoian coa súa colaboración e aportacións todas as actividades organizadas.

 

O concerto, dirixido por Manuel Villar Touceda, titúlase En Clave de Castelao e enmárcase dentro do proxecto Ano Castelao, lanzado pola Deputación de Pontevedra para fomentar as actividades culturais e artísticas na provincia. Durante o mesmo, os espectadores a través da música xunto con varias intervencións de danza e grazas á guía dun narrador, realizaran unha viaxe pola vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

 

A conmemoración deste Ano Castelao, ten lugar polo feito de cumplirse este ano o centenario da chegada do insigne rianxeiro á cidade de Pontevedra para tomar posesión da súa praza de funcionario no Instituto Xeográfico Estadístico (1916).

 

O programa será o seguinte:

 

-Aires de Pontevedra de Adonis Ferreiro

-Fantasía Rianxeira de Xosé Carlos Seráns

-Danza Macabra de Camille Saint-Saëns

-Retrincos de David Fiuza

-Para Vigo me voy de Ernesto Lecuona

-La Cumparsita de Gerardo Matos

-Lela de Rosendo Mato

-Alborada Galega de Pascual Veiga

 

A totalidade do programa a interpretar preparouse durante os primeiros días do mes de agosto no xa tradicional Campamento Musical de Verán da Escola de Música Municipal de Valga celebrado na cidade asturiana de Oviedo.

 

Este concerto será de entrada libre e gratuita. Agradecemos a súa asistencia e toda a difusión que lle poidan dar a esta información.

 

O ciclo Música coas nosas Bandas continuará coa participación da Xoven Banda de Valga no concerto que se celebrará o sábado 29 de outubro.