Banda de Valga

Concerto ciclo Música coas nosas bandas, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis e as Bandas Peque e Xove Banda de Música de Valga

 

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo das citadas bandas o vindeiro sábado 29 de abril ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Valga.

 

Coa celebración deste acto, prosegue a sexta tempada do Ciclo Música coas Nosas Bandas que grazas ao notable éxito acadado, a tenor dos asistentes e participantes, segue a subir ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas un mes tras outro.

 

A agrupación convidada a este concerto será a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, dirixida por Diego Fortes Conde. Dos 12 anos de existencia da agrupación caldense, destacaremos a organización da Xuntanza de Bandas de Música ou a Semana da Música pero tamén a participación en diversos certames ou a presentación do seu primeiro traballo discográfico (2015).

 

A Banda Peque de Valga, baixo a batuta de Pedro Torres Diz, confórmana unha serie de músicos con idades comprendidas entre os 6 e os 9 anos, os cales, complementan os primeiros pasos no estudo de varios instrumentos coa participación nesta agrupación, onde aprenden a tocar en equipo e coñecen novos estilos e linguaxes musicais. O programa que interpretarán será o que veñen traballando neste trimestre do curso.

 

A Xove Banda de Música de Valga, tamén baixo a batuta de Pedro Torres Diz, é unha agrupación composta por músicos de idades comprendidas entre os 10 e os 20 anos, ofrecerá un repertorio variado con pezas de reputados compositores como Pascual Pérez, Bert Appermont ou Enrique García Rey, o cal, veñen traballando nos derradeiros meses.

 

O programa será o seguinte:

 

Banda Peque de Valga, director Pedro Torres Diz

 

-Catro temas populares

-Lightly Row

-Beatiful Brown Eyes

 

Xove Banda de Valga, director Pedro Torres Diz

 

-Pepita Greus de Pascual Pérez Choví.

-1º movemento do Concerto para Trompa e Orquestra de Luigi Cherubini, solista Borja García.

-Gulliver's Travels de Bert Appermont

-Churrusqueira de Enrique García Rey

 

Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, director Diego Fortes Conde

 

(por determinar)

 

Este concerto será de entrada libre e gratuita. Agradecemos a súa asistencia e toda a difusión que lle poidan dar ao evento.