Banda de Valga

Concerto Banda de Música Municipal de Valga, director convidado Pere Molina González

 

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga, organizan un concerto a cargo da Banda de Música Municipal de Valga o vindeiro sábado 1 de xullo ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Valga (Ferreirós-Cordeiro).

 

Coa celebración deste concerto péchase esta edición do Ciclo Música coas Nosas Bandas que con notable éxito, a tenor dos asistentes e participantes, subiu ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas.

 

Nesta ocasión, e por noveno ano consecutivo, a Banda de Valga organiza un concerto baixo a batuta dun director convidado. O escollido foi Pere Molina González (Dénia, Alicante), titulado nos Conservatorios de Castellón e Valencia nas especialidades de Trombón, Tuba e Pedagoxía, graduado en Dirección de Orquestra na Royal Scholl of Sherbone de Londres que na actualidade exerce como Director Titular e Artístico da Orquestra de Cámara de Valencia e como Director Musical do Teatro Serrano de Gandía.

 

Nos últimos anos recibiu o convite para dirixir algunhas das máis importantes formacións do panorama musical: Orquestra Sinfónica de Costa rica, Orquestra e Banda Sinfónica Nacional de Cuba, Orquestra Sinfónica s. XXI Cidade de Madrid, Symphony Orchestra of Sherbone-Inglaterra, Symphony Orchestra of Northem France, Orquestra Sinfónica Cidade de Valencia, Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, Orquestra Sinfónica do Collegium Musicum de Bos Aires entre outras.

 

Está en posesión do premio Batuta do Maestro Tomás Bouffartigue entregado polo ministerio da Cidade da Habana (Cuba) e o premio do Patronato da Orquestra OUSAT de México como o mellor director invitado da tempada 2015/2016 da orquestra.

 

Como en todas as anteriores ocasións, o programa completo deste concerto escolleuno o director convidado, a Banda de Valga nunca interpretou con anterioridade ningunha das pezas, as cales, só se prepararon nos ensaios do mes de xuño.

 

O programa será o seguinte:

 

-Traner (pasodobre) de Rafael Taléns Pelló

-1889 de José Salvador González Moreno

  1. El mestre “la Música”
  2. Festa al Poble
  3. Certamen

-Sinfonía nº 2, Teogónica de Andrés Valero Castells

  1. Proemio
  2. Invocación ás musas
  3. Terceira Xeración de Deuses
  4. Ascenso de Zeus ao poder

 

 

Este concerto será de entrada libre e gratuita ata completar aforo. Agradécese a súa asistencia e a difusión que lle poidan dar a este evento.

 

O ciclo Música coas nosas Bandas voltará cunha nova edición o vindeiro curso.