Banda de Valga

REGRESO DO CAMPAMENTO MUSICAL DE VERÁN 2017 (Bragança, Portugal)

 

Ao mediodía do domingo 30 de xullo chegaban ao Auditorio Municipal de Valga os participantes do Campamento Musical de Verán 2017, celebrado na Pousada da Juventude de Bragança (Portugal) entre o 24 e o 30 de xullo.

Nesta edición os máis de 70 participantes, entre alumnos e mestres, participaron nas diversas clases técnicas e colectivas, á vez que afondaban no variado repertorio instrumental en diversas aulas de música de cámara. Todo este traballo desembocou nos ensaios da Xove Banda de Música de Valga, a cal en só 6 días preparou todo o seu novo repertorio.

 

O broche musical final do Campamento, tivo lugar o sábado 29 de xullo cun concerto na fantástica Praça de Camões da vila lusa de Bragança, coa actuación do Grupo de Cámara de Corda e da Xove Banda de Música de Valga perante un numeroso público tanto local como chegado para a ocasión dende Valga e arredores (familiares, amigos e simpatizantes).

 

            Xunto co estrictamente musical, os alumnos tamén participaron en xogos e actividades deportivas e culturais, como as visitas ao Casco Histórico de Bragança e ao seu Museo da Ciencia Viva.

 

 

            O Campamento Musical de Verán, actividade ininterrompida dende o ano 1999, é a actividade, organizada pola Escola de Música Municipal de Valga e a Asociación Cultural Musival, coa maior capacidade formativa individual e colectiva. Ano tras ano, os participantes, cada vez máis numerosos, demandan novas actividades e experiencias facendo máis complexa a súa organización.

 

            Este proxecto non chegaría a bo porto sen a colaboración do Concello de Valga (aporta os autobuses para a viaxe), a Deputación de Pontevedra (subvenciona o Campamento, este ano como parte da liña de axudas Ano do Patrimonio), pero sobre todo grazas á colaboración, aportación e confianza dos pais e nais da Escola de Música que apoian esta actividade anotando aos seus fillos edición tras edición.

 

            Nesta ocasión tamén é de agradecer toda a colaboración prestada polo Presidente e o seu gabinete da Cámara Municipal de Bragança, e tamén, por parte do Director e todo o equipo humano do Agrupamento de Escolas Emídio García Escola Básica Paulo Quintela.